O persoal de limpieza do Provincial e Montecelo convoca unha folga a partir de 2 de maio

Pontevedra
18 de abril 2022

Os sindicatos anunciaron este luns a ruptura das negociacións con Acciona, a empresa adxudicataria do servizo, pola falta de avances na negociación do convenio colectivo

Limpeza hospitalaria
Limpeza hospitalaria / CC.OO.

Unha concentración ás portas dos hospitais Provincial e Montecelo o 21 de abril, unha manifestación polo centro da cidade o día 27 e folga a partir do 2 de maio. É o calendario de protestas deseñado polos sindicatos que representan ao persoal de limpeza dos dous hospitais pontevedreses, que decidiron romper as negociacións do convenio colectivo con Acciona pola "impresentable" oferta exposta pola entidade.

A decisión foi anunciada este luns nunha convocatoria de prensa na que participaron os representantes sindicais de CIG e Comisións Obreiras, Diana Rodríguez e José Luís García Pedrosa, acompañados por outros representantes dos traballadores.

As protestas comezarán o día 21 de abril cunha concentración simultánea ás portas do Provincial e Montecelo ás 10 horas. O día 27 unha marcha de traballadores partirá ás 18.30 horas desde a praza do Provincial ata a Peregrina para facer oir as súas reivindicacións. E a partir do 2 de maio, os 130 traballadores da limpeza dos centros hospitalarios da cidade iniciarán unha folga indefinida.

"Non logramos avances necesarios que dignifiquen a profesión", resume Rodríguez as razóns que impulsan esta protesta. O colectivo de profesionais da limpeza senten "hartazgo" pola falta de avances nas conversacións que comezaron fai máis dun ano.

Esixen os trabajadores o deseño dun cuadrante de quendas anual que permita establecer dunha mellor forma o período de descansos para evitar xornadas de ata 11 horas de traballo. Piden tamén que se recoñeza o perigo do seu traballo, máis xustificado que nunca nesta época de pandemia. Ademais, non están de acordo coa oferta económica exposta por Acciona, que ofrece ao persoal un plus de 120 euros anuais, ampliable a 240 dentro de dous anos, a condición de que os traballadores non pasen máis de 30 días ao ano de baixa.

Denuncian tamén que a empresa quere cambiar o método de asignación de vacacións, actualmente os traballadores gozan do seu descanso nos meses de xullo e agosto, pero Acciona propón ampliar este período aos meses de xuño e setembro. E tampouco aceptaron a proposta de crear unha lista de contratación que permitiría acabar coa precariedade laboral deste colectivo.

Neste sentido, García Pedrosa apela directamente ao Sergas e denuncia que desde Sanidade "non hai vixiancia".