O persoal de Linorsa en Pontevedra baralla convocar folga ante os atrasos e impagos de salarios

Pontevedra
05 de abril 2016

"O persoal xa non aguanta máis esta situación e decidiu entrar na xuntanza para advertir que o servizo poderá verse afectado, xa que dende a Xerencia se nos dixo que non podían facer nada mentres o servizo non se vise afectado", indican dende a CIG-Servizos

Protesta das traballadoras de Linorsa
Protesta das traballadoras de Linorsa

Un grupo de traballadoras de Linorsa, concesionaria da limpeza en numerosas institucións públicas galegas, que desenvolven o seu labor no Virxe Peregrina de Pontevedra interromperon a primeira hora da mañá deste martes a xuntanza que mantiña o persoal do centro coa Xerencia para denunciar os continuos atrasos e impagos no cobro de salarios e anunciar a posibilidade dunha convocatoria de folga.

"O persoal xa non aguanta máis esta situación e decidiu entrar na xuntanza para advertir que o servizo poderá verse afectado, xa que dende a Xerencia se nos dixo que non podían facer nada mentres o servizo non se vise afectado", indican dende a CIG-Servizos.

As afectadas accederon á xuntanza portando cartaces nos que reclaman unha solución ao conflito e aproveitaron para explicarlles a súa problemática ao resto do persoal do centro. "Fomos á reunión porque era para traballadores do centro, e nós tamén o somos", sinalaron as empregadas de Linorsa.

Segundo explican, o director médico, presente na xuntanza, asegurou descoñecer o problema e adiantoulles que llo transmitirá á Xerencia.

Dende CIG-Servizos lembran que a central xa mantivo unha reunión co xerente, que lles dixo que non poden facer nada até que o servizo de limpeza se vexa afectado. Diante disto, o persoal de Linorsa baralla a posibilidade de convocar folga para reclamar o pago dos salarios e dos atrasos pendentes.