O persoal de Política Social continúa coas protestas para reclamar a negociación da súa situación laboral

Pontevedra
11 de xuño 2020

Os sindicatos UGT, CIG, CC.OO. e CSIF reclaman, entre outras medidas, o incremento de prazas públicas e de xestión directa, a recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados e tamén a transformación a xornada completa de todos os contratos da fin de semana ou inferiores

Concentración de persoal de Política Social
Concentración de persoal de Política Social / CIG, CCOO, CSIF e UGT

Os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UXT realizaban a terceira concentración este xoves dentro da campaña emprendida para reclamar á Consellería de Política Social unha negociación das condicións laborais para o persoal dos centros de atención a persoas con discapacidade, centros de menores, residencias de maiores e centros residenciais.

Lembran que estes espazos sufriron a crise sanitaria da Covid-19 con dureza ao dar atención a persoas vulnerables e reclaman diversas reivindicacións para recuperar dereitos laborais recortados no ano 2012

Entre as medidas destaca a petición dun mínimo de dous días de descanso semanal consecutivos; librar a metade das fins de semana alternas; librar tamén a metade dos festivos e un descanso compensatorio por traballar en domingos e festivos. 

Critican a xestión da conselleira Fabiola García por non dedicar "sequera cinco minutos para recibir aos representantes dos traballadores". Os convocantes aseguran que se non se produce ese encontro manterán o calendario de protestas para defender as súas demandas laborais ao entender que este persoal está a ser discriminado respecto a outros colectivos que contan con compensacións de domingos e festivos traballados ou se lles recoñecen días adicionais de descanso por traballar en  jorandas significativas.

Está previsto que o vindeiro xoves 18 de xuño manteñan a protesta con concentracións ante os centros de traballo e, se continúa a negativa por parte da Xunta a manter un diálogo, prolongaranse durante o mes de xullo.