O persoal do Concello de Pontevedra prepárase para a negociación da estrutura organizativa

Pontevedra
12 de xaneiro 2018

A xunta de persoal mantivo un encontro cos traballadores municipais no Teatro Principal para analizar as opinións sobre o documento presentado polo goberno de Fernández Lores para modernizar a administración local

Asemblea informativa de traballadores do Concello de Pontevedra Mónica Patxot

Decenas de traballadores do Concello de Pontevedra mantiñan unha asemblea informativa este xoves no Teatro Principal de Pontevedra para debater sobre o documento presentado polo goberno local para a reorganización dos postos de traballo municipais

O secretario da xunta de persoal, Héctor Santaló, indicaba que este encontro se realiza para informar o persoal sobre ese documento e analizar as posturas dos diferentes sindicatos en relación á negociación que se abrirá na segunda quincena deste mes de xaneiro co concelleiro responsable Vicente García Legísima. 

Santaló afirma que o documento en bruto, elaborado por unha consultoría privada, non gustou entre os traballadores porque hai funcións que "non se traducen a específico ou a responsabilidades atribuídas" e non se teñen en conta dereitos relacionados coa promoción interna ou a carreira profesional.

Segundo Antonio Millares, representante de Comisións Obreiras, nas asembleas mantidas por axentes da Policía Local e no Parque de Bombeiros, este documento "non gustou nada"

Por este motivo, confían en que se poidan alcanzar acordos no período de negociación no que se tratará a organización, o catálogo de funcións e a valoración dos postos de traballo. Millares afirma que o estudo técnico realizado é "moi político" e entenden que foi dirixido desde o goberno local obviando necesidades en distintos servizos municipais.

Os representantes sindicais estudarán a posibilidade de iniciar protestas no caso de que non se contemplen algunhas das peticións que se presentarán nas negociacións co goberno local.