O Plan Funcional e o programa de espazos para o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra que marcarán a ampliación do Hospital Montecelo están a dar os seus primeiros pasos. Un deles chegou este luns cunha xuntanza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, con profesionais e forzas sindicais da sanidade pública en Pontevedra para presentarlles ao equipo da empresa adxudicataria encargada de traballar na elaboración deses documentos.
Segundo informou a Consellería de Sanidade a través dun comunicado, nos vindeiros días continuará a presentación a outros colectivos sociais, profesionais e institucionais da área para dar cumprimento á intención do conselleiro de facer un documento coa colaboración de todos os axentes implicados, coa participación de todos os profesionais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e contando cos axentes sociais.
Sanidade lembra que a previsión é que o Plan Funcional e o programa de espazos estean rematados a finais de maio. O obxectivo é adaptar a estrutura física existente ás necesidades sanitarias da poboación de referencia e dos profesionais a través da elaboración dun novo plan da área de Pontevedra, optimizando a funcionalidade, confortabilidade e habitabilidade dos seus espazos e equipamentos, e o aproveitamento dos recursos enerxéticos e materiais.
O Plan Funcional configura as necesidades e demandas previsibles para realizar a actividade sanitaria de calidade, establecendo o modelo de hospital, a carteira de servizos e o dimensionamento das estruturas e recursos.
O plan de espacios permite a previsión da articulación do funcionamento presente e futuro do centro hospitalario, e ofrece características do deseño final como a flexibilidade de espazos, a articulación entre diferentes áreas ou servizos, e a capacidade e provisión de espazos para a expansión en función da demanda ou da incorporación de novas tecnoloxías, entre outros aspectos.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.