O Pleno bueués aproba o novo proxecto da obra de ampliación da biblioteca

Bueu
09 de decembro 2022

A proposta contou cos votos a favor dos grupos de goberno, BNG e ACB, coa abstención do PP e en contra do PSOE. O proxecto actual ascende a un total de 1.108.321 euros e o goberno local agarda licitalo novamente nas próximas semanas

Pleno do Concello de Bueu Concello de Bueu

O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu este venres, 9 de decembro, unha sesión plenaria extraordinaria na que se acordou aprobar o novo proxecto de ampliación da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, valorado en 1.108.322 euros

A proposta contou cos votos a favor dos grupos de goberno, BNG e ACB, coa abstención do PP e en contra do PSOE.

O Concello de Bueu tivo que proceder á revisión deste proxecto, despois de que a empresa que resultara adxudicataria renunciase á execución da obra ante o importante incremento dos custes dos materiais de produción. Xa nunha sesión plenaria a finais de novembro se acordou rescindir este contrato e inmediatamente se solicitou a revisión do proxecto por parte do equipo técnico redactor. 

Agora, co novo proxecto nas mans, enviarase a documentación á Deputación de Pontevedra para que poida valorala e dar o visto e prace, dado que a actuación se financia con fondos do Plan Reacpon e do Plan Concellos 2022.