Cos votos a favor do grupo de goberno, formado polo PSOE e o BNG, e a abstención de Coalición Son aprobábase este venres o orzamento da Deputación provincial para 2018. O Partido Popular votou en contra deste orzamento que ascende a 157 millóns de euros e que alcanza os 160 millóns incluíndo a Escola Universitaria de Enfermería e o Consorcio Provincial de Bombeiros. Increméntase nun 3% o de 2017 e Carlos López Font, deputado portavoz socialista, cualificaba no pleno ao orzamento como o mellor da historia da Deputación Provincial.
Un dos aspectos máis destacados será o de destinar máis recursos á área de cooperación cos concellos co obxectivo de que se garantan os servizos fundamentais para os municipios con criterios de equidade.
Neste sentido, a deputada popular Elena Muñoz criticaba este orzamento ao entender que fora elaborado de costas á provincia e aos traballadores, citando en concreto aos da Cidade Infantil Príncipe Felipe e aos Bombeiros. E lamentaba que as partidas que se aumentaron destinábanse a gastos correntes e persoal criticando que este orzamento é "para maior gloria do goberno e non para os veciños". Muñoz acusou á presidenta da Deputación, Carmela Silva, de visitar unicamente aqueles Concellos gobernados polo PSOE e polo BNG. Ademais mostrou a súa discrepancia porque non se tiveron en conta as propostas do Partido Popular para a elaboración do documento.
López Font contestou que o goberno da Deputación visitou todos os Concellos e aclarou que as relacións cos alcaldes do PP cando non están os deputados provinciais é boa. O vicepresidente César Mosquera, portavoz do BNG, sinalaba que os populares fixeran un "ridículo espantoso" ao presentar as emendas fóra de prazo.
O orzamento, segundo o goberno bipartito, non contempla unha partida de libre disposición para a presidenta e céntrase na igualdade. Precisamente neste pleno aprobábase por unanimidade o Plan de Igualdade da Deputación co obxectivo de evitar a discriminación das mulleres e establecer medidas de protección ante o acoso sexual e fronte a calquera indicio de desigualdade por razón de sexo. Tamén se aprobaba cos votos do grupo de goberno, a abstención do grupo mixo e os votos en contra do PP o Plan Concellos para obras e servizos durante os anos 2018 e 2019.
Tamén se aprobaba, coas abstencións do PP e de Coalición Son, o proxecto do novo viario de acceso a Monte Porreiro, que se acometerá entre a Deputación Provincial e o Concello de Pontevedra.
UPA DO PRÍNCIPE FELIPE
O debate do pleno tamén se centrou nun enfentamiento entre o PP e o BNG en relación coa supresión da Unidade de Primeira Acollida (UPA) da Cidade Infantil Príncipe Felipe. Un grupo de traballadores deste servizo seguían tamén a presentación da moción por parte do portavoz do PP, Ángel Moldes, que reclamaba que se manteña unha negociación coa Xunta de Galicia para evitar o peche deste departamento que atende a menores que presentan unhas características conflitivas e alegou que o equipo de goberno mentira cando dicía que os traballadores estaban de acordo con esa medida de pechar este servizo para menores. Xosé Lois Jácome tamén daba lectura ao escrito dos traballadores da UPA.
A deputada responsable do centro, Eva Vilaverde, sinalaba que o Consello da Xunta aprobara este xoves a decisión de establecer un novo convenio para o Príncipe Felipe no que fosen os propios técnicos provinciais quen decidise a entrada no centro dos menores. Vilaverde indicou que hai dúas liñas vermellas que non permitirán que se traspasen: a violencia nas instalacións e a profesionalidade dos técnicos da Deputación, que ata agora tiñan que someterse aos criterios dos técnicos da Xunta de Galicia.
Moldes insistiu en preguntar se se ía a pechar o centro, do mesmo xeito que Jácome lamentou que os traballadores do Príncipe Felipe se enteraran pola prensa da supresión do servizo.
Finalmente, a presidenta Carmela Silva indicou que a responsabilidade " exclusivísima" sobre a atención dos menores corresponde ao goberno da Comunidade Autónoma e non á Deputación. Por este motivo sinalou que a Xunta de Galicia é a culpable de que das 17 comunidades autónomas, Galicia sexa a única na que non exista unha UPA, salvo a do Príncipe Felipe, que depende da Deputación Provincial.
O pleno rematou co desexo dun feliz ano e os saúdos entre os deputados dos distintos grupos. A sesión estivo marcada polas protestas dos bombeiros do Consorcio Provincial.