O pleno dos "minutos da basura" da corporación

Pontevedra
15 de marzo 2019

O penúltimo pleno deste mandato foi cualificado como o dos "minutos da basura" polo portavoz de Marea Pontevedra, Luis Rei, ante a proximidade da vindeira cita electoral. Os debates máis intensos producíronse ante a esixencia do PP de que o pleno pida responsabilidades á presidenta da Deputación tras a sentenza en relación co "enchufe" da súa cuñada en Vigo

Pleno da corporación municipal de Pontevedra, do mes de marzo de 2019
Pleno da corporación municipal de Pontevedra, do mes de marzo de 2019 / Mónica Patxot

Máis de tres horas e media duraba o pleno de marzo que se celebraba este venres 14 no Teatro Principal. Unha vez máis, representantes da Policía Local de Pontevedra concentrábanse ante as portas do edificio e manifestaban o seu malestar durante os primeiros puntos do pleno co equipo de goberno debido ao conflito laboral aberto no que reclaman a equiparación salarial. Liderados polo delegado de Comisións Obreiras, Antonio Millares, os policías pediron a dimisión do concelleiro de persoal Vicente  Legísima despois da súa intervención nun dos primeiros puntos do día, no que o Partido Popular solicitaba un recoñecemento ao labor humanitario da  Brilat e a súa continuidade na súa actual localización, en Figueirido.

Rafa Domínguez, portavoz do PP, mostrouse satisfeito porque o BNG vote a favor do "exército español" e se centrou en referirse a varios concelleiros nacionalistas sinalandolles que o exército é o "garante último de la unidad de España". Legísima replicou ao representante popular alegando que o apoio era á misión humanitaria. O debate provocou unha intervención do alcalde de Pontevedra sinalando ao líder da oposición que o pleno non era o sitio oportuno "para conseguir un orgasmo", o que provocou a réplica de Domínguez asegurando que Lores era un "grosero". Tras o enfrontamento dialéctico, os representantes da Policía Local corearon "goberno de Lores, represores". Finalmente, o apoio á Brilat foi secundado por todos os grupos.

Tamén saíu aprobado por unanimidade a posta en funcionamento dun servizo de "respiro familiar", a proposta do grupo municipal socialista. Na intervención de María José Rodríguez Teso, a concelleira popular emocionouse durante o seu reclamo de orzamentos sociais.

Ademais aprobábase por unanimidade a proposición de Marea Pontevedra sobre os crematorios para que se corrixa o baleiro existente sobre este tema no actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A decisión foi aplaudida por un grupo de integrantes da Plataforma Anticrematorios, que asistían ao debate con camisetas amarelas. Neste punto, o portavoz de Marea, Luís Rei, manifestaba que este pleno era o dos "minutos da basura" ante a proximidade das eleccións e despois de catro anos en que non foi posible sacar un novo PXOM.

A proposta do Partido Popular sobre a retirada do plan de compostaxe comunitaria non contou co apoio plenario a pesar do intenso debate que se abriu no que se poñían en cuestión os métodos que se están utilizando no Concello para a instalación dos composteiros comunitarios e sobre a situación do proxecto da planta da Canicouva. O concelleiro César Mosquera defendeuse das críticas de todos os grupos afirmando que o Concello de Pontevedra e os da comarca serán os únicos que estean adaptados en 2023 á normativa europea grazas ao plan Revitaliza, que o tamén vicepresidente da Deputación promove desde a institución provincial.

Aprobáronse por unanimidade as dúas mocións de Ciudadanos, unha sobre a elaboración dun Plan de Conciliación Persoal, Familiar e Profesional da Cidadanía e outra sobre a regulación a través dunha convocatoria pública das axudas municipais para sufragar o servizo de comedor escolar a familias en situación de vulnerabilidade. Tamén, con todos os votos da corporación, aprobábanse as mocións do PSOE para erradicar a publicidade sexista no municipio e a de Marea Pontevedra sobre a recuperación ambiental dos terreos que actualmente ocupan o Parque de Maquinaria e a Imprenta provincial en terreos da Xunqueira. Sobre o traslado do Parque de Maquinaria ao polígono industrial de Barro, César Mosquera indicou que todo depende de Costas pero, recalcou, que desde a Deputación se quere dar a máxima axilidade a este tema.

O enfrontamento máis agre de toda a sesión produciuse como consecuencia da moción presentada polo Partido Popular para que o pleno esixise responsabilidades á presidenta da Deputación, Carmela Silva, pola sentenza sobre o caso do "enchufe" en Vigo da cuñada da máxima responsable provincial. A moción, defendida por José Luis Martín, centrouse en culpar a Fernández Lores de ser "cómplice" de manter a Silva á fronte da  Deputación. O concelleiro popular arremeteu contra a presidenta provincial indicando que fraco favor "hace a las mujeres" ao permitir a entrada pola porta de atrás a súa familiar no Concello de Vigo. 

A portavoz de Ciudadanos María Rey lembroulle ao popular que na sentenza non se nomea á política socialista para, a continuación, afirmar que se ela fose hoxe Carmela Silva, levaríalle ao xulgado. O portavoz do grupo municipal socialista Tino Fernández tamén se centrou, na súa intervención, en que durante ese proceso xudicial, Silva non fora chamada nin como testemuña e cualificou a moción popular como "política rastrera e barriobajera" para convidar aos integrantes do grupo municipal do PP para gozar no "lodo". No caso do concelleiro do BNG e vicepresidente provincial, César Mosquera, denominou os populares de "recadeiros" do PP de Vigo e tachou a moción de "delirante". A proposta foi rexeitada cos votos en contra de todas as agrupacións, agás o Partido Popular.

O último tema que se tratou foi a moción de urxencia sobre o achantamento da Avogacía do Estado na causa aberta sobre a prórroga de Ence, proposta polo PP e que foi rexeitada por maioría de membros da corporación.