O Poli Paco presenta ao avó Nicolás e a Paquito

Sanxenxo
19 de abril 2016

Os pequenos recibiron este martes unha sesión de seguridade viaria

Poli Paco Concello de Sanxenxo

Os dous axentes da Policía Local adscritos ao Programa Municipal de Seguridade Viaria desprazáronse este martes á escola municipal do Tombo, onde os alumnos de 0 a 3 anos comezaron a familiarizarse con algúns conceptos básicos. 

Os escolares tiveron ocasión de coñecer ao "Avó Nicolás", a "Paquito" e ao "Poli Paco", personaxes de monicreque creados polos axentes da Policía Local especificamente para este programa de educación viaria infantil.

Dentro da sesión celebrada este martes os alumnos visualizaron uns vídeos con conceptos adecuados á súa idade, por exemplo que deben ir pola beirarrúa sempre acompañados por unha persoa maior e cando viaxan en coche deben facelo nunha cadeira adecuada ao seu peso e co correspondente cinto de seguridade. Tamén aprenderon a distinguir o significado de cada cor nun semáforo.

Para terminar a sesión os nenos cantaron, xunto aos monitores e aos personaxes de monicreque, diferentes cancións relacionadas coa seguridade viaria como o "Auto Feo".