O Porto de Marín ampliará as instalacións para tráfico de froita e hortalizas

Marín
28 de febreiro 2019

É unha das medidas que aprobou o Consello de Adminstración da Autoridade Portuaria. O de froita é un dos tráficos que está a experimentar un crecemento continuo no porto, alcanzando un movemento de 140.000 toneladas durante 2018

Porto de Marín
Porto de Marín / Autoridade Portuaría de Marín e Ría de Pontevedra

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra aprobou a ampliación das instalacións frigoríficas que Davila Refeer Terminal (DART) posúe no porto para o tráfico de froita e hortalizas.

En concreto esta ampliación consistirá en engadir á nave existente dous novos peiraos de carga para posicionamento de camións.

Coa medida preténdese facer fronte á crecente demanda do tráfico que recibe a terminal para mellorar a calidade do servizo e os tempos da operativa. 

O tráfico de froitas e hortalizas experimentou nos últimos anos un importante e continuo crecemento no porto marinense, alcanzando un movemento de 140.000 toneladas durante 2018, o que representa un incremento do 11,5% con respecto ao exercicio anterior.

Actualmente a terminal de froita dispón dunha capacidade de almacenamento frigorífico para 5.000 pallets, 6 peiraos de carga, 8 cámaras frigoríficas, 1.000 metros cadrados climatizados para clasificación e distribución, conexións reefer, 5.000 metros cadrados de chaira contigua e 520 metros de atracada en dous peiraos.