O Porto de Marín expón en Madrid a súa experiencia en xestión de residuos

Pontevedra
25 de abril 2018

Foi nunha xornada organizada por Protecma e Packnet na que colabora o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente

Proxecto Pescal (Pesca Sustentable en Caladoiros Limpos)
Proxecto Pescal (Pesca Sustentable en Caladoiros Limpos) / Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra

A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra participou este mércores en Madrid nunha xornada sobre prevención e mitigación do impacto de envases e residuos en costas e mares, organizada por Protecma e Packnet na que colabora o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

Protecma é unha plataforma europea sobre protección do mar que se coordina desde o CETMAR e Packnet é a plataforma tecnolóxica española de envases e embalaxes.

O relatorio do Porto de Marín correu a cargo de Benito Calviño, responsable de sustentabilidade da Autoridade Portuaria. Trátase de expoñer a evolución das experiencias e proxectos en materia de xestión de residuos nas que Marín é un porto pioneiro desde hai anos como parte da súa política de responsabilidade social e ambiental.

A Autoridade Portuaria ten moi consolidado un sistema de xestión e recollida selectiva de diferentes residuos vinculados á actividade pesqueira como redes, plásticos, poliexpan e pilas, entre outros. Ademais tamén xestiona a retirada de lixo do mar coa colaboración da frota pesqueira.

Na xornada ambiental abordáronse entre outros, o programa español de medidas para o lixo mariño que presentou o ministerio, a innovación en reciclaxe de plásticos de caixas de peixe para convertelos en envases alimentarios ou a prevención na xeración de residuos da pesca de baixura, entre outros.