A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra xunto coa frota pesqueira do Porto realizou unha nova retirada de lixo procedente dos fondos mariños. En total, trátase de 6.740 quilos recollidos durante o últimos tres meses.
Con esta nova retirada, o Porto de Marín leva preto de 58.000 quilos de lixo mariño recollida das costas galegas desde o ano 2014, que habería que sumar aos 24.000 retirados anteriormente a través do proxecto Nada pola Borda.
A Autoridade Portuaria foi recepcionando estes residuos que os barcos recollen nas súas redes e traen a terra e trasladándoos a un compactador para posteriormente trasladalos a un xestor autorizado. Esta actividade desde o ano 2014 é continuación dos proxectos ambientais "Nada pola borda" e "Pescal", xa finalizados oficialmente pero que a Autoridade Portuaria ha decidido seguir mantendo en colaboración cos armadores de pesca e a empresa marinense Casercan.
O Porto de Marín é pioneiro en proxectos ambientais relacionados coa retirada e xestión de lixos mariños. Ademais, coa colaboración das empresas da comunidade portuaria, continúa cos procesos de recollida selectiva doutros residuos portuarios como pneumáticos, pilas, poliexpan, redes, papel e cartón ou plásticos.