O Porto de Marín supera os dous millóns de toneladas ata outubro

Pontevedra
01 de decembro 2017

Rexistra un crecemento acumulado do 11%

Descargas no Porto de Marín
Descargas no Porto de Marín /

O tráfico de mercadorías no Porto de Marín subiu un 11% entre os meses de xaneiro e outubro en relación ao mesmo período do ano anterior. A falta de dous meses para pechar o exercicio, o tráfico de mercadorías manipuladas nos peiraos de Marín xa alcanza os 2,1 millóns de toneladas.

De manterse esta tendencia, o porto volvería rexistrar cifras históricas por terceiro exercicio consecutivo ao finalizar 2017.

O capítulo que rexistra un maior incremento é o de mercadoría xeral, cunha subida do 32,5%. Ademais, ata o mes de outubro, 443 mercantes fixeron escala nos peiraos de Marín, cunha capacidade lixeiramente superior á do pasado ano.

O crecemento dáse en xeral en todos os capítulos, pero destacan os de mercadorías estratéxicas para o Porto de Marín como a froita, a pasta de papel, os compoñentes eólicos ou a pesca conxelada.

A estatística de outubro recolle tamén de forma excepcional un apartado para pasaxeiros en tránsito, xa que o porto recibiu ao Bremen, un cruceiro de luxo que trouxo a Marín 143 pasaxeiros.