O PP acudirá á Valedora do Pobo se a Deputación non lle deixa ver o expediente da estrada entre Tomeza e O Marco

Pontevedra
14 de maio 2021

A deputada do PP, Pepa Pardo solicitou acceso ao expediente da estrada EP-0002 e reunión co deputado Gregorio Agís, e asegura que a resposta que recibiu foi que "será avaliado co goberno lexítimo de Pontevedra e farase público cando se considere oportuno"

Pepa Pardo, portavoz do Partido Popular, durante o pleno
Pepa Pardo, portavoz do Partido Popular, durante o pleno / Mónica Patxot

O grupo provincial do Partido Popular volve a denunciar "a falta de transparencia e obstrución á información" do Goberno da Deputación de Pontevedra, despois da resposta que recibiu a deputada Pepa Pardo cando solicitou por rexistro acceso ao expediente do proxecto de reforma da estrada provincial EP-0002 entre Tomeza e O Marco, no concello de Pontevedra.

Segundo o PP a resposta di que este proxecto "será avaliado co goberno lexítimo de Pontevedra e farase público cando se considere oportuno".

Para Pardo, con esta resposta, "o goberno de Carmela Silva deixa claro que o de render contas e a transparencia a farán só cando o consideren oportuno", e recorda que pola súa condición de deputada provincial ten dereito a acceder a esta información e, ademais, "é o exercicio dun dereito fundamental que están limitando. Hai unha falta de transparencia absoluta" e lembra que a Deputación tamén lles negou o acceso á Cidade Infantil Príncipe Felipe e aos antigos edificios do Museo de Pontevedra, entre outras cuestións.

Os populares recordan que a negativa da presidenta a facilitar a información que solicitan os membros deste grupo político, "menoscaba o labor de control e fiscalización" que lle corresponde como grupo da oposición e anuncian que "o PP valorará denunciar a situación ante a Valedora do Pobo ou outras accións".