O PP acusa ao Concello de "asfixiar" o deporte pontevedrés

Pontevedra
22 de febreiro 2019

O portavoz popular, Rafa Domínguez, lamentou que o goberno municipal teña pendentes de resolver as subvencións a actividades deportivas e competicións oficiais correspondentes á tempada 2016/2017 e non convocase as axudas referidas ás tempadas 2017/2018 e 2018/2019

Rafa Domínguez con Lores ao fondo no pleno municipal
Rafa Domínguez con Lores ao fondo no pleno municipal / Mónica Patxot

Varios clubs deportivos de Pontevedra están, segundo denunciou o PP, nunha "difícil" situación económica ante a falta de axudas do Concello.

O portavoz popular, Rafa Domínguez, lamentou que o goberno municipal teña pendentes de resolver as subvencións a actividades deportivas e competicións oficiais correspondentes á tempada 2016/2017 e non convocase as axudas referidas ás tempadas 2017/2018 e 2018/2019.

Este atraso, segundo o candidato do PP, supón un "importante prexuízo" para estes equipos, xa que non poden contar con eses recursos para facer fronte os seus pagos.

"O BNG está a asfixiar ao deporte pontevedrés", lamentou Domínguez, que critica que os clubs deportivos vivan nunha "incerteza constante", sen poder planificar as súas contas porque "descoñecen se van recibir ou non os recursos prometidos polo Concello".

O líder do PP asegura que "nos parece ben" que se invista diñeiro en atraer eventos deportivos á cidade, pero lembran que o Concello debería implicarse tamén cos clubs deportivos que, neste mandato, "foron os grandes esquecidos".