Elnosa iniciou xa no Concello a tramitación do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) sen o cal a súa permanencia en Lourizán sería legalmente imposible. E o PP denuncia agora que o BNG ocultou esta información á oposición e acusan ao goberno municipal de "falta de transparencia".
Neste sentido, o portavoz dos populares, Jacobo Moreira, considera que "un asunto desta transcendencia" debería ter ocupado un punto na orde do día da Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente "e así manter informados aos grupos da oposición".
Así, apunta que durante a celebración o mércores desta comisión, os nacionalistas "perderon unha boa oportunidade para facer gala dunha transparencia, que a todas luces non se practica neste Concello".
O edil popular lamenta que os nacionalistas "volvan a ocultar información relevante" sobre o futuro de Pontevedra e de moitos pontevedreses.
"O escurantismo do BNG xa é a tónica dominante na súa xestión. Ocúltannos información e despois veñen a pedir apoio para asuntos que, unilateralmente, levaron a cabo", apunta o voceiro do PP.
Jacobo Moreira esixe a Lores e aos nacionalistas que na vindeira Comisión de Urbanismo integren a tramitación do PERI de Elnosa como asunto relevante na orde do día.