O grupo municipal do Partido Popular, a través do seu portavoz Jacobo Moreira, acusa ao goberno local de acosar fiscalmente aos veciños de Pontevedra en relación co cobro das taxas da rede de sumidoiros.
Os populares sinalan que a presión fiscal no municipio de Pontevedra sitúase en 600 euros fronte aos 354 de media en Galicia. Un dato que emprega Jacobo Moreira para denunciar a "voracidade recadatoria" do goberno municipal ao que acusa de levar a cabo "unha estafa política". Engade que o Tribunal Económico-Administrativo, formado por técnicos municipais, emitiu dúas resolucións en decembro de 2015 alertando ao Concello do cobro irregular das taxas da rede de sumidoiros, un servizo do que aínda non gozaban os veciños de parroquias como Campañó e Xeve, segundo os populares.
Para cobrar estas taxas ten que haber rede de sumidoiros a menos de 100 metros da vivenda, que sexa tecnicamente posible a conexión e que o Concello trasladase a comunicación aos veciños. E considera que non é válido encargar á empresa concesionaria do servizo a emisión do comunicado reclamando o pago e a avaliación do estado da conexión á rede.
Só os que reclaman a tempo poden facer fronte a estas situacións, algo que Moreira entende que é comparable ao caso das "preferentes", de forma que só os que presentaban unha reclamación chegaban a evitar esta petición das cantidades que se reclamaban do últimos catro anos.
Segundo María José Rodríguez Teso, máis de trinta veciños acudiron ás oficinas do Partido Popular para preguntar sobre esta situación e pedir asesoramento para reclamar. A concelleira popular apuntou que a algún dos afectados reclamáronselle máis de 300 euros e que o Tribunal Económico Administrativo está revisando 6 casos.
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, indicou que esas reclamacións son unha proba de que no Concello de Pontevedra hai unha garantía absoluta de cara ao administrado, xa que o Tribunal Económico Administrativo é un órgano municipal que atende ás demandas veciñais. González apuntou que os recibos foron emitidos polo servizo correspondente baseándose nunha ordenanza e non se pode anular porque resultaría inxusto para outros veciños.
Indicou que as reclamacións se produciron, sobre todo, en Campañó, ademais de nas parroquias de Alba, Lérez, Xeve e Cerponzóns. E afirmou que as reclamacións son atendidas porque o Concello non comunicou aos veciños que había que conectarse á rede.
Segundo informou o portavoz municipal, o impacto económico no caso de que se reclamen os últimos catros anos de taxas chegarían a 200 euros, xa que o cobro é de 9 euros ao bimestre. A conexión da rede supón 600 euros por vivenda.