O PP alega contra o Regulamento de Teletraballo da Deputación e pide que estea máis "pegado á realidade"

Pontevedra
25 de outubro 2021

Pepa Pardo anunciou que levará ao vindeiro pleno da Deputación, previsto para este venres 29 de outubro, as alegacións presentadas e recorda que xa en xaneiro de 2020, dous meses antes do inicio da pandemia, o seu partido defendeu no pleno unha moción para solicitar a súa implantación, proposta que foi rexeitada por PSOE e BNG. Pouco despois, en marzo, "demostrouse a importancia de contar con este regulamento"

Jorge Cubela e Pepa Pardo
Jorge Cubela e Pepa Pardo / PontevedraViva

O Partido Popular presentou alegacións ao Regulamento de Teletraballo da Deputación de Pontevedra para convertelo nun documento "máis pegado á realidade e ás necesidades dos traballadores".

Reclama que entre os criterios prioritarios para autorizar o teletraballo se inclúan ás persoas con discapacidade, ás traballadoras embarazadas, vítimas de violencia machista, maiores de 60 anos, persoas que necesiten conciliar a vida familiar e laboral, e aos traballadores que non teñan autorizada compatibilidade para o desempeño dun segundo posto de traballo, cargo ou actividade no sector público. Ademais, piden que non se exclúa aos traballadores que teñan recoñecida a compatibilidade con outra actividade para solicitar o teletraballo, e se substitúa por dar preferencia aos que non a teñan. 

A voceira do grupo, Pepa Pardo, anunciou este luns que levará ao vindeiro pleno da Deputación, previsto para este venres 29 de outubro, as alegacións presentadas e recorda que xa en xaneiro de 2020, dous meses antes do inicio da pandemia, o seu partido defendeu no pleno unha moción para solicitar a súa implantación, proposta que foi rexeitada por PSOE e BNG. Pouco despois, en marzo, "demostrouse a importancia de contar con este regulamento".

O grupo provincial do PP valora "positivamente" o cambio de criterio da Deputación neste campo, pero entende que hai "varios aspectos que non se inclúen e son precisos para adecualo e facelo máis efectivo".

Así, defende que o teletraballo "ben regulado e cuns procesos bos, favorece a conciliación, pero tamén aforra custes á empresa e aos traballadores, evita desprazamentos e favorece a diversidade".

Recorda que tanto o Real Decreto Lei do ano 2020 como a Lei de 2021 de traballo a distancia, contemplan o teletraballo como unha mellora da conciliación do desenvolvemento profesional coa vida persoal e familiar, e por iso critica que o regulamento proposto polo Goberno provincial diga xusto o contrario e fale dunha "concepción errónea".

O PP propón tamén que o protocolo inclúa establecer un prazo razoable para que o traballador a distancia se incorpore ao seu posto, e substituír a incorporación inmediata, "porque en determinadas ocasións vai ser imposible", po un "prazo máis razoable" de tres días. En relación á extinción solicitan que se suprima a causa de non realizar o teletraballo desde o domicilio declarado na solicitude.

Entre as alegacións dos populares inclúense darlle maior importancia ao plan individual do teletraballo, xa que é o instrumento de seguimento e avaliación durante as xornadas laborais desenvoltas baixo este réxime. E tamén engadir a relación dos recursos que a Deputación pon a disposición dos teletraballadores, como por exemplo ordenador, ferramentas ofimáticas, de traballo remoto ou colaborativo, ciberseguridade, bases de datos, sistema de firma electrónica... E evitar as duplicidades de equipos facendo referencia a que os dispositivos que se entreguen para o teletraballo deben ser os mesmos que se empreguen na modalidade de traballo presencial.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora