O PP alerta dunha nova subida de máis de 22.000 euros no contrato do lixo de Poio

Poio
21 de maio 2018

Esta subida, que o alcalde propuxo ao pleno a petición de Valoriza, a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo neste concello, será presentada próximamente no pleno municipal, e aplicaríase retroactivamente a partir de maio de 2017

Camións de recollida de lixo en Poio
Camións de recollida de lixo en Poio / PontevedraViva

O PP de Poio alertou este luns de que o alcalde, Luciano Sobral, fixo unha proposta de subida no recibo anual do contrato de recollida de lixo de algo máis de 22.000 euros máis IVE, dos que 11.000 euros corresponderían á subida do IPC e o resto do aumento de envío de residuos a Sogama durante o ano pasado.

Esta subida, que o alcalde propuxo ao pleno a petición de Valoriza, a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo neste concello, será presentada proximamente no pleno municipal, e aplicaríase retroactivamente a partir de maio de 2017.

A concelleira do PP Rocío Cochón recordou que esta cantidade súmase á subida de 80.000 euros que a empresa Valoriza solicitou a principios de ano para compensar un erro de cálculo alegado pola concesionaria, que aduce a instalación de máis contedores dos que figuraban no contrato.

Cochón insiste en que no prazo de poucos meses, os veciños de Poio poden ter que facer fronte a unha subida de máis de 100.000 euros nun contrato que xa lles custa 800.000 euros anuais para "recompensar" unha empresa que "leva anos incumprindo o contrato sistematicamente coa complicidade dun Bipartito que xa lles está cobrando aos veciños o recibo máis caro de toda a provincia".

A través dun comunicado, Cochón enumera os incumprimentos de contrato e irregularidades no servizo por parte de Valoriza e lembra que xa accedeu ao contrato "non por méritos propios senón a raíz dunha denuncia contra a empresa gañadora do concurso". Na súa opinión, "desde que comezou o servizo en xuño de 2015 burlouse dos veciños en numerosas ocasións ante a pasividade do goberno de Luciano Sobral".