O PP critica ao Goberno local por pechar Raíña Vitoria "sen base técnica nin consenso"

Pontevedra
29 de setembro 2020

Os populares, que continúan mantendo reunións con diferentes colectivos, comparten cos seus compañeiros de Poio a preocupación pola imposición dun sentido único na Ponte da Barca

Pablo Fernández, concelleiro do Partido Popular de Pontevedra
Pablo Fernández, concelleiro do Partido Popular de Pontevedra / Mónica Patxot

O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra Pablo Fernández analizou este martes a decisión do Goberno local, BNG e PSOE, de non debater na Comisión de Mobilidade a proposta dos populares sobre o encargo dun estudo independente de tráfico e un plan de mobilidade sostible que analice a viabilidade do corte ao tráfico na rúa Reina Vitoria.

"Están a impoñer unha medida sen base técnica nin consenso. Alegan que non tiveron tempo para estudar unha petición anunciada a semana pasada e presentada hai máis de 24 horas por rexistro. Nós admitimos propostas do Goberno local presentadas cinco minutos antes da comisión", denunciou o popular.

Fernández lembrou que a formación á que pertence pedía a reapertura inmediata da rúa Raíña Vitoria "ata coñecer os resultados dos informes que solicitamos". "Que a rúa siga cortada sen un argumento sólido nin obxectivo sobre o peche é un insulto a todos os pontevedreses. Tómannos por parvos", esgrimiu o popular.

"A falta de implicación con este tema do BNG e do PSOE é a proba fidedigna de que ao Goberno local impórtalle pouco o que opinen os seus veciños, comerciantes, autónomos e empresarios, entre outros. Viven afastados da sociedade e están instalados en gobernar de maneira autoritaria. Quedou demostrado socialmente que a nosa oposición está secundada por unha maioría social", mantivo Fernández.

O concelleiro valorou "a marcha atrás" do concelleiro César Mosquera sobre a duración do corte: "Agora retráctanse e din que non é para sempre. Déronse conta tarde dunha metedura de pata garrafal. Pero o que a sociedade esixe é a reapertura inmediata".

Os populares, que continúan mantendo reunións con diferentes colectivos, comparten cos seus compañeiros do Partido Popular de Poio a preocupación pola imposición dun sentido na Ponte da Barca: "Van ter a todos no mesmo lado. Mantemos un diálogo fluído cos nosos compañeiros e traballamos na mesma liña".