Comerciantes de Raíña Vitoria trasladan ao Concello o seu rexeitamento ao corte ao tráfico da rúa

Pontevedra
02 de outubro 2020

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, ofreceulles a realización dun estudo do tráfico para realizar accións complementarias, algo que rexeitaron os asistentes á reunión, que propoñen o peche de Palamios en lugar de Raíña Vitoria

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, reúnese con comerciantes contrarios ao corte de tráfico de Raíña Vitoria
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, reúnese con comerciantes contrarios ao corte de tráfico de Raíña Vitoria / Concello de Pontevedra

O concelleiro de Obras Urbanas do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, mantivo este venres unha reunión con representantes de diversos colectivos de comerciantes, empresarios e hostaleiros que mostraron as súas inquietudes con respecto das medidas anticovid que o goberno local implantou na contorna do IES Sánchez Cantón.

Os asistentes, entre os que estaban representantes da Cámara de Comercio, de AJE, dos comercios de Raíña Vitoria, de Aempe e da Asociación de Hostaleiros; mostraron o seu total rexeitamento á decisión do Concello. Por iso comunicaron ao concelleiro que iniciarán unha campaña para reverter a situación e ofreceron unha solución consistente no peche de Palamios.

Pola súa banda, Demetrio Gómez ofreceulles a realización dun estudo específico do tráfico no ámbito do instituto para analizar en profundidade o funcionamento da medida e valorar a necesidade de adoptar outras accións complementarias, algo co que os afectados tampouco están de acordo.