O corte de Raíña Vitoria será "indefinido" e manterase "mentres dure a covid-19"

Pontevedra
13 de outubro 2020

O goberno municipal non dará o seu brazo para torcer polo peche ao tráfico da rúa Raíña Vitoria. A pesar das críticas que espertou entre comerciantes, veciños e a propia oposición, co PP á cabeza, nada cambiará. Así o dixo o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez. "En principio non haberá marcha atrás", sinalou o concelleiro do BNG

Avenida Raíña Vitoria pechada ao tráfico para o IES Sánchez Cantón
Avenida Raíña Vitoria pechada ao tráfico para o IES Sánchez Cantón / Mónica Patxot

O goberno municipal non dará o seu brazo para torcer polo peche ao tráfico da rúa Raíña Vitoria. A pesar das críticas que espertou entre comerciantes, veciños e a propia oposición, co PP á cabeza, nada cambiará. Así o dixo o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez.

"En principio non haberá marcha atrás", sinalou o concelleiro do BNG a preguntas dos xornalistas. Explicou que esta medida será "permanente e indefinida", polo menos, " mentres dure" a actual alerta sanitaria pola pandemia da covid-19.

Demetrio Gómez lembrou que o corte de tráfico en Raíña Vitoria responde á necesidade de "ordenar" as entradas e saídas ao instituto Sánchez Cantón e reforzar a seguridade de toda a comunidade educativa do centro.

Ademais, o Concello descarta implantar medidas alternativas, por exemplo permitir o paso do tráfico rodado os sábados e domingos, aproveitando que non hai clases.

O tráfico, segundo o edil de Mobilidade, "ten un compoñente de rutina" e entende que abrir e pechar a rúa en función dos días da semana " é peor" porque impide que os condutores se afagan ás normas e asuman a ruta " pola que hai que ir".

Tanto o edil non adscrito, Goyo Revenga, como o Partido Popular presentaron senllas mocións ao pleno municipal para que a rúa Raíña Vitoria se reabra "inmediatamente" e, no caso dos populares, que se faga un estudo técnico sobre o tráfico na cidade.

Ambas as dúas iniciativas foron ditaminadas desfavorablemente co voto en contra de BNG e PSOE, polo que previsiblemente tamén serán rexeitadas na sesión plenaria do próximo luns.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora