O PP acusa o PSOE de "traizoar a Pontevedra" ao posicionarse en contra da reapertura de Raíña Vitoria

Pontevedra
14 de outubro 2020

A moción para facer rectificar ao Concello sobre o corte de tráfico nesta rúa recibiu o voto negativo de BNG e PSOE na comisión informativa de  Mobilidade e os populares piden aos socialistas que reflexionen para que cambien o seu voto no pleno do próximo luns

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do PP de Pontevedra, na sala de prensa do Teatro Principal
Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do PP de Pontevedra, na sala de prensa do Teatro Principal / Mónica Patxot

O líder da oposición no Concello de Pontevedra, Rafa Domínguez, segue buscando a forma de facer rectificar ao executivo local na súa decisión de pechar ao tráfico a rúa Reina Vitoria. Este mércores, o portavoz dos populares acusou os socialistas, socios de goberno dos nacionalistas, de "traizoar a Pontevedra" despois de votar en contra da reapertura desta vía na comisión de Mobilidade do pasado martes na que se estudou a moción presentada polo PP e que será rexeitada, se non hai cambios de última hora, no pleno da próxima semana.

"Tiñamos esperanza no PSOE e na concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, que finxiu empatía cos negocios e díxolles que estaba en contra do peche", asegura Domínguez, que alerta dunha "submisión lamentable" do PSOE ante o BNG. "Espero que reflexionen de aquí ao luns e reconsideren o seu voto", presionou o edil.

Tamén tivo palabras Rafa Domínguez para o BNG aos que acusa de mentir e de contradicirse. Segundo os populares, na última comisión o responsable de Mobilidade, Demetrio Gömez, negou a existencia de problemas de tráfico derivados do peche desta rúa, algo que logo desmentiu César Mosquera. "Un esperpento", definiu o líder da oposición despois de repasar todos os capítulos deste conflito desde que o goberno local anunciase a súa decisión de cortar o tráfico rodado nesta rúa para favorecer a distancia de seguridade na entrada e saída de alumnos do instituto Sánchez Cantón.

Dada a grave situación sanitaria, Domínguez descartou, polo momento, promover mobilizacións para protestar por unha decisión do Concello tomada "sen informes e en base a unha mentira".

Pola contra, mostrouse moito máis comprensivo coas restricións na rúa Alfonso XIII porque "é máis entendible e xerou menos rexeitamento entre a xente", rematou.