O PP, preocupado porque o peche de Raíña Vitoria atrasa as intervencións dos servizos de emerxencia

Pontevedra
26 de outubro 2020

Rafa Domínguez, presidente local do PP, e o concelleiro Pablo Fernández mantiveron un encontro con técnicos sanitarios e representantes do sindicato Unión Federal de Policía para analizar as consecuencias que está a ter o peche ao tráfico rodado desta rúa nas súas actividades diarias

Rafa Domínguez, do PP, mantén un encontro con representantes de técnicos sanitarios e do sindicato Unión Federal de Policía
Rafa Domínguez, do PP, mantén un encontro con representantes de técnicos sanitarios e do sindicato Unión Federal de Policía / PP local de Pontevedra

Representantes da Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e do sindicato Unión Federal de Policía mantiñan un encontro este luns con Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular e co concelleiro Pablo Fernández, para tratar as consecuencias que está a ter para a súa actividade diaria o peche da avenida Raíña Vitoria. 

Para Rafa Domínguez o corte desta vía resulta preocupante polas dificultades que provoca nos profesionais que representan estas asociacións, segundo comentou o popular tras o encontro. Indican que o peche desta rúa "entorpece e dificulta o labor policial e sanitaria", indican os populares.

Segundo manifesta o presidente local do PP, o corte ao tráfico de Raíña Vitoria incrementou o tempo de chegada ata dez minutos para unha ambulancia nunha asistencia a unha urxencia no centro de Pontevedra, atendendo ao testimonio dos asistentes a esta xuntanza. Domínguez lembra que "eses minutos son esenciais para salvar vidas".

Os populares laianse de que non se escoite desde o Concello aos que "nos coidan e nos protexen" e afirman que o corte non ten que ver coa seguridade do alumnado do Sánchez Cantón en relación co contaxio da pandemia.

Ademais, o PP local compartíu con ámbalas agrupacións a demanda de que o Concello adopte medidas urxentes que permitan o acceso destes vehículos de emerxencias en rúas como Benito Corbal, Oliva ou a mesma Raíña Vitoria, entre outras, afirma Rafa Domínguez ao lembrar que estes colectivos están a experimentar "máis dificultades no desempeño das súas funcións para dar un servizo esencial e de calidade".