Multas de 100 e ata 500 euros aos condutores na rúa Raíña Vitoria

Pontevedra
28 de abril 2021

A Policía Local de Pontevedra está a multar con 100 euros de sanción a aqueles condutores que se saltan o sinal de prohibido e circulan cos seus vehículos pola rúa Raíña Vitoria en dirección a San Roque

Axente da Policía Local na rúa Raíña Vitoria
Axente da Policía Local na rúa Raíña Vitoria / PontevedraViva.

A Policía Local de Pontevedra está a multar con 100 euros de sanción a aqueles condutores que se saltan o sinal de prohibido e circulan cos seus vehículos pola rúa Raíña Vitoria en dirección a San Roque.

A multa pode chegar aos 500 euros se circulan en dirección contraria por este vial. Algúns condutores foron sorprendidos ao manobrar por esta rúa para meterse nos seus garaxes en Palamios.

Este martes unha parella de axentes municipais non daba atendido á gran cantidade de condutores que non respectan os sinais e seguen entrando en Raíña Vitoria.

En setembro de 2020 o Concello de Pontevedra publicou o bando no que ordenaba o peche da rúa Raíña Vitoria, entre o estacionamento de Montero Ríos e a rúa Palamios. A medida foi reforzada coa colocación duns pivotes e de sinais de tráfico que prohibían o tránsito rodado desta rúa da cidade e a reordenación de estacionamento de Palamios e da contorna do centro de ensino.

O goberno local xustificou esta medida para ofrecer a oportunidade ao Instituto Sánchez Cantón para cumprir coas medidas de prevención covid nas entradas e saídas do centro e tamén nos descansos, ampliando os espazos públicos destinados aos escolares no exterior.