O PP de Poio criticou este venres que o Goberno local teña intención de convocar un Pleno Extraordinario co "único obxectivo" de "aprobar canto antes o cambio de mans da nómina de Luciano Sobral", en alusión a que nesa sesión se acordará unha modificación orzamentaria que implicará que o alcalde renuncia á adicación exclusiva que cobraba ata agora con motivo da súa xubilación e ese salario pasará á concelleira Marga Caldas, que ata agora non tiña remuneración municipal.
A concelleira do PP Rocío Cochón sinalou que o Pleno Extraordinario e a comisión de Facenda xa celebrada para aprobación dese "cambio de cromos" custará aos veciños un total de 2.000 euros. Cren que é un "pleno da vergoña" no que o goberno bipartito, "despois de negarse a baixarlle impostos e axudar aos veciños, gastan máis cartos para repartirse o antes posible o que cobran eles”
A edil 'popular' critica que o tripartito de BNG, PSOE e Avante Poio se negue "unha vez tras outra" a aprobar axudas e baixadas de impostos propostas polo PP e que agora "copie" unha das súas propostas, a condonación do recibo do lixo aos negocios pechados polo estado de alarma, cando a semana pasada rexeitaron esta medida.
"Se o que quixesen fora aprobar a bonificación do lixo, puideron facelo hai unha semana, cando o levamos a pleno, pero votaron que non", critica a concelleira, que considera que esta redución da taxa do lixo irá ao próximo pleno "como unha manobra de distracción" para quitar o foco do "verdadeiro obxectivo" da sesión, "cobrar e repartise os cartos".
Cochón considera "lamentable" que mesmo durante a crise sanitaria, social e económica máis grave da historia recente de Poio "a prioridade de BNG, PSOE e Avante Poio segue sendo eles mesmos”.