O PP de Poio disposto a axudar aos clubes deportivos ante as restriccións de Portos de Galicia

Poio
21 de xuño 2018

A reacción dos populares xurde tras a polémica suscitada no Concello de Poio pola denegación de Portos de Galicia de utilizar o peirao de Campelo para desenvolver unha proba de tríatlon

Zona de transición do IV Triatlón Concello de Poio no Porto de Campelo

O voceiro de Deportes do Partido Popular de Poio, Tucho Muíños, anunciou este xoves que o Partido Popular ponse "a disposición de todos os clubes deportivos de Poio para axudarlles a celebrar calquera evento deportivo" en terreos que dependan da autorización de Portos de Galicia.

A reacción dos populares xurde tras a polémica suscitada no Concello de Poio pola denegación de Portos de Galicia de utilizar o peirao de Campelo para desenvolver unha proba de tríatlon. As queixas de Poio non son as únicas que recibiu o ente autonómico por casos semellantes noutros concellos.

Os populares culpan ao goberno local de Poio por "apostar pola confrontación e intentar manipular aos colectivos".

Segundo o PP, "a concelleira de Deportes anunciou pola súa conta a denegación de permisos para eventos que aínda nin sequera foron notificados", polo que "parece máis interesada en suspender eventos deportivos que en axudar a celebralos", conclúen.

No PP de Poio din aos clubes estar dispostos a axudarlles a celebrar esas probas, ben explicando os criterios de seguridade e os requisitos de presentación ou incluso axudando a facer alegacións en caso de discrepancias na interpretación da normativa.

Desde o PP matizaron que "no caso de Campelo é máis complicado, porque xa non queda tempo e hai un novo itinerario presentado, pero as probas que se celebrarán máis adiante, estamos á súa disposición para buscar solucións".