O PP de Poio esixe a creación de prazas de aparcamento en Campelo

Poio
18 de agosto 2020

Os populares piden ao goberno local que, antes de que conclúan as obras de construción das beirarrúas, busque solucións para a falta de zonas de estacionamento na zona urbana da parroquia

O PP de Poio esixe a creación de máis prazas de aparcamento en Campelo
O PP de Poio esixe a creación de máis prazas de aparcamento en Campelo / PP de Poio

O Partido Popular de Poio solicita ao goberno local unha solucion para a falta de prazas de aparcamento en Campelo antes de que finalicen as obras de construción das beirarrúas. "A día de hoxe estase permitindo estacionar encima de beirarrúas pero no momento no que se terminen as obras non se permitirá ese estacionamento e comezará o grave problema de falta de estacionamento", explica a concelleira popular Nati Torres.

Lembran desde a oposición que a falta de prazas xa supoñía un problema para veciños e comerciantes de Campelo antes das obras, por iso alertan de que tras a finalización dos traballos "algúns negocios teñan que pechar ou os veciños non teñan onde estacionar os seus vehículos".

Unha das alternativas que propoñen pasa pola consecución de terreos particulares a través da compra, aluguer ou cesións para conseguir novas prazas de aparcadoiro. Unha solución que, segundo os populares, xa se está levando a cabo noutros municipios como Marón, Ponte Caldelas, Sanxenxo ou Cambados.