O PP de Poio responde ás críticas do PSOE polos impostos afeándolle o seu "despilfarro" no goberno

Poio
13 de novembro 2023

A concelleira do PP de Poio Rocío Cochón respondeu este domingo ás críticas realizadas polo deputado socialista Gregorio Agís sobre a baixada de impostos no municipio e quixo asegurar que "o único que hoxe nos impide anunciar unha baixada global de impostos son os pufos do tripartito"

Rocío Cochón, concelleira de urbanismo en Poio PP de Poio

A concelleira do PP de Poio Rocío Cochón respondeu este domingo ás críticas realizadas polo deputado socialista Gregorio Agís sobre a baixada de impostos no municipio e quixo asegurar que "o único que hoxe nos impide anunciar unha baixada global de impostos son os pufos do tripartito", en alusión ao anterior goberno do que formaba parte o PSOE. 

Cochón explicou a Agís que esta é a primeira baixada de impostos e taxas do mandato, e "de non ser polo despilfarro, a mala xestión e o descontrol no gasto do tripartito, hoxe este novo Goberno podería estar anunciando unha baixada global dos impostos e taxas do Concello de Poio".

A concelleira 'popular' defende a acción de goberno e asegura que son "coherentes" e tamén "responsables" para non comprometer a prestación de ningún servizo municipal e para pagar aos autónomos e pequenas empresas mentres que o goberno anterior deixou facturas sen pagar por máis de un millón de euros, 8 millóns de débeda cos bancos e todas as partidas do orzamentos esgotadas seis meses antes de acabar o ano.

"Que teña claro Agís que este Goberno é o dos feitos, e en canto teñamos pagadas todas as facturas que eles deixaron pendentes, será o momento de baixar tamén o IBI e outros recibos", asegurou.

Para a concelleira do PP, Gregorio Agís "perdeu unha gran ocasión para estar calado", porque "debe de ser a primeira vez que un político critica unha baixada de impostos". "Igual é porque nos seus 16 anos como membro do anterior Goberno foi incapaz de facelo, e agora non entende como no primeiro semestre do seu mandato Ángel Moldes xa foi capaz de facer a primeira baixada de taxas e impostos dos últimos 20 anos", engade.