O PP de Pontevedra rexistra unha emenda á totalidade aos orzamentos do Concello

Pontevedra
30 de decembro 2021

Tras a análise das contas, o portavoz do grupo municipal do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, indicou que se trata dun documento "afastado da realidade"

Concelleiros do PP no pleno do Concello de Pontevedra Mónica Patxot

O PP de Pontevedra rexistrou este xoves a emenda á totalidade aos orzamentos do Concello para o ano 2022. 

Tras a análise das contas, o portavoz do grupo municipal do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, indicou que se trata dun documento "afastado da realidade". 

Domínguez fixo referencia á Memoria da Alcaldía, onde se fala dunha traxectoria ascendente dos datos económicos da cidade.

"Pontevedra é a cidade coa taxa de paro máis elevado das sete cidades galegas, cunha enorme cantidade de baixos baleiros en pleno centro e desde a mesma alcaldía téntase pechar a empresa que máis PIB achega. O alcalde debería recoñecer mellor a realidade da nosa cidade", dixo Domínguez.

En relación co documento, o popular subliña que se trata dunhas contas que presentan un "investimento moi baixo, que abandona ao rural e os barrios, que se esquecen das instalacións deportivas". 

No ámbito cultural, "non figura nin unha soa obra fundamental para este sector, así como ningunha acción que poida mellorar a oferta cultural". Sobre o nivel de carga impositiva que recae sobre a sociedade apuntou que "son uns orzamentos que recollen unhas taxas e impostos excesivos para os pontevedreses".

A Domínguez chamoulle "poderosamente a atención que en ningún lado figure o famoso millón de euros prometido a Monte Porreiro" xa que "parece un castigo en contra dos veciños, cada día máis, que alzan a voz en contra dalgunha acción do goberno local. É unha falta de respecto aos cidadáns dun barrio que leva abandonado tantos anos".