O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra levará ao próximo pleno municipal unha moción coa que buscará que toda a corporación apoie solicitar formalmente á Xunta de Galicia que comece os trámites pertinentes para desenvolver a ampliación do parque empresarial do Campiño, segundo o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.
Segundo informou recentemente o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o Concello remitiu a principios deste mes de marzo unha solicitude formal ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que se desenvolva a ampliación deste parque. Entre outros argumentos, o alcalde lembraba que apenas quedan 13 parcelas libres no Campiño e A Reigosa.
Agora é o PP local quen fai esa mesma petición nunha moción que defenderá o concelleiro do Partido Popular, Pablo Fernández que tamén demandará a posta en marcha de medidas de mantemento e mellora no polígono, por parte do Concello.
O PP reclama un plan integral para a mellora do espazo coa poda de árbores e mantemento das zonas verdes, o pintado e sinalización dos viais, o incremento da recollida de lixos e, por último, a limpeza das parcelas privadas non edificadas.
Doutra banda, o Partido Popular pide ao Concello que se estude a dotación dun aparcamento disuasorio na zona norte do polígono, a mellora da entrada pola rúa Monte Louredo, a posta en marcha de transporte público para os traballadores, a creación dunha área de socialización e un centro de negocios comunitario e a negociación co Goberno central para a construción dunha ligazón directa coa autovía A-57.