O PP define as seis medidas prioritarias que marcarán o seu labor de oposición

Pontevedra
21 de xuño 2019

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, acompañado polo concelleiro, Pablo Fernández, compareceu este venres en rolda de prensa para informar das seis medidas prioritarias que marcarán o seu labor de oposición neste inicio de mandato

Rafa Domínguez e Pablo Fernández Mónica Patxot

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, acompañado polo concelleiro Pablo Fernández compareceu este venres en rolda de prensa para informar das seis medidas prioritarias que marcarán o seu labor de oposición neste inicio de mandato.

Segundo explicou, unha delas é a implantación do transporte público, tanto o metropolitano como entre o centro urbano e as parroquias. Ademais reclamarán unha rebaixa do prezo da viaxe do autobús a Monte Porreiro ao considerar que o actual é "excesivamente caro".

Outro dos aspectos nos que centrarán o seu labor de fiscalización é o das subvencións aos clubs deportivos e "imos ser moi incisivos", dixo Rafa Domínguez.

O Partido Popular esixirá ao goberno local un "plan de choque aos barrios" de Mollavao, Monte Porreiro, A Parda, A Seca e San Roque e tamén unha atención especial para as parroquias "que está absolutamente abandonadas".

O concelleiro Pablo Fernández sinalou que as outras dúas demandas que fará o PP ao bipartito BNG-PSOE serán un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal e a adhesión do Concello de Pontevedra á rede de concellos emprendedores Doing Business que implica máis simplificación administrativa: bonificacións no IBI, IAE e ICIO; máis facilidades de acceso a chan industrial concedendo licenzas en 30 días; e máis incentivos fiscais.