O PP denuncia ante a Valedora do Pobo o goberno da Deputación por retirarlle o dereito a réplica

Pontevedra
15 de marzo 2016

A portavoz do PP Nidia Arévalo di que "é a primeira vez que nesta institución se prohibe aos deputados intervir con liberdade". Ademais, os populares queixáronse de non poder empregar a sala de prensa

Xuntanza de deputados populares coa Valedora do Pobo Partido Popular

O grupo provincial do Partido Popular denunciou ante a Valedora do Pobo ao goberno bipartito da Deputación de Pontevedra ao entender que está a dificultar o labor de oposición.

A valedora Milagros Otero Parga recibiu aos representantes populares Nidia Arévalo, Luís Aragunde e Salomé Peña.

A portavoz popular Nidia Arévalo explicou que se quitou o dereito de réplica nos plenos e limítase a participación nunha única intervención por tema. Criticaron tamén que a Deputación de Pontevedra é a única das institucións provinciais na que eliminan a réplica e na que tamén teñen cronómetros para controlar o tempo das intervencións. Arévalo considera que non queren escoitar ningunha crítica.

Ademais, sinalan que este novo bipartito impídelles o acceso á sala de prensa da institución provincial, relegando aos populares a outra sala onde teñen que facer declaracións "de pé e escondidos nun soto do edificio administrativo".