O PP denuncia "falta de rumbo" na implantación da compostaxe

Pontevedra
21 de outubro 2017

O concelleiro popular César Abal asegura que "a descoordinación do goberno do BNG propiciou un atraso de máis de sete meses sobre o prazo previsto" tras finalizar en marzo o concurso público para a subministración de unidades modulares 

César Abal e María José Teso, concelleiros do PP durante o pleno
César Abal e María José Teso, concelleiros do PP durante o pleno / Cristina Saiz

O grupo municipal do PP en Pontevedra cualificou este sábado o que entende como "falta de rumbo" do goberno local na implantación da compostaxe.

Segundo denuncia o concelleiro popular César Abal, "a descoordinación do goberno do BNG propiciou un atraso de máis de sete meses sobre o prazo previsto" despois de que no pasado mes de marzo finalizase o concurso para a subministración das unidades modulares.

"Esqueceron que para a súa instalación era preciso unha obra civil previa", acusa Abal, sinalando que desde entón esas unidades modulares quedaron almacenadas á espera de atopar unha solución.

Ante esta situación o PP esixiu "seriedade" e unha explicación ao goberno local, xa que se trata dunha iniciativa que "pagarán todos os veciños de Pontevedra", defendeu.