O PP denuncia o impacto para a mocidade de Pontevedra da paralización do Plan de Práctica Laboral da Deputación

Pontevedra
03 de xaneiro 2019

O voceiro provincial do PP, Ángel Moldes, e o deputado Santiago Rodríguez Davila explicaron este xoves nunha rolda de prensa que nas últimas semanas e meses os integrantes do seu grupo recibiron numerosas chamadas de empresarios e mozos expectantes por que a Deputación convocase o Plan  

Ángel Moldes e Santiago Rodríguez Davila
Ángel Moldes e Santiago Rodríguez Davila /

O grupo provincial do PP cargou este xoves contra a actuación da Deputación Provincial de Pontevedra en relación co Plan de Práctica Laboral en Empresas, un proxecto que considera un "fracaso estrepitoso" porque ao longo dos anos 2017 e 2018 a institución provincial "deixou tirados a centos de mozos da provincia" que contaban con este plan para ter unha primeira oportunidade laboral acorde coa súa formación.

O voceiro provincial do PP, Ángel Moldes, e o deputado Santiago Rodríguez Davila explicaron este xoves nunha rolda de prensa que nas últimas semanas e meses os integrantes do seu grupo recibiron numerosas chamadas de empresarios e mozos expectantes por que a Deputación convocase o Plan de Prácticas Laborais en Empresas, un programa do que destacan que cando gobernaba o PP "era un éxito total" con centos de titulados que conseguiron un traballo na súa área de formación e que, en moitos casos, continúan traballando nas empresas adscritas ao plan.

Moldes recordou que en 2017 a Deputación non convocou o plan e en 2018, pese a convocalo nun primeiro momento, suspendeuno sete meses despois. O resultado é que "levamos dous anos consecutivos sen que persoas novas e preparadas da provincia poidan atopar a súa primeira oportunidade laboral" en empresas con plans da Deputación. Foron 400 bolsas perdidas en 2017 e outras 400 en 2018.

O voceiro do PP tamén lamentou que coa paralización deste plan o Bipartito deixa de investir 8 millóns de euros, entre 2017 e 2018, no emprego xuvenil da provincia mentres que Santiago Rodríguez insistiu en que coa paralización do Plan de Práctica Laboral en Empresas e Entidades, "a Nova Deputación deixa tirados a centos de mozos da provincia".

Rodríguez explicou ademais que durante as últimas semanas preguntou repetidamente tanto en comisións como en pleno sobre a paralización deste plan e a única contestación do Bipartito foi "a calada por resposta", polo que ademais da incapacidade de xestión, demóstrase o "oscurantismo e a ocultación" do goberno de Carmela Silva.