O PP denuncia que o Concello "continúa engrosando" a lista de servizos privatizados

Pontevedra
24 de abril 2017

Esta actuación, sinalan nun comunicado, "choca co discurso nacionalista en toda Galicia" en favor da xestión pública das administracións, polo que Jacobo Moreira denuncia que o BNG "predica unha cousa" pero o equipo de Lores "realiza todo o contrario"

Jacobo Moreira, consultando co seu grupo no pleno municipal
Jacobo Moreira, consultando co seu grupo no pleno municipal / Mónica Patxot

Para o Partido Popular que o goberno municipal sacara a contratación a preparación e desenvolvemento das actividades do Teatro Principal e do Pazo da Cultura é unha mostra máis de que o Concello "continúa engrosando" a lista de servizos municipais privatizados.

Esta actuación, sinalan nun comunicado, "choca co discurso nacionalista en toda Galicia" en favor da xestión pública das administracións, polo que Jacobo Moreira denuncia que o BNG "predica unha cousa" pero o equipo de Lores "realiza todo o contrario".

Os populares aseguran que no que vai de ano xa se formalizou a privatización da xestión do CITA, a privatización do Local de Música e o mantemento dos colexios públicos de Educación Infantil e Primaria do municipio.

"Cando Lores e os seus concelleiros se poñen tras unha pancarta esixindo a xestión pública para calquera tipo de servizo deberían mirarse primeiro ao embigo e non caer na demagoxia barata. Non se pode estar na rúa defendendo unha cousa e facer a contraria no Concello", manifestou o edil popular.

Así, o PP lembra que estas privatizacións se suman ás xa coñecidas como a do servizo de abastecemento de auga, a recollida de lixo, o guindastre, os xardíns, o matadoiro municipal, a recadación de multas, a piscina municipal, a axuda no fogar, os comedores escolares, os campamentos urbanos ou o mantemento de vías urbanas e rurais.