O PP denuncia que os cambios na circulación nos Gafos son "un erro que agrava aínda máis a pésima situación do tráfico"

Pontevedra
22 de xuño 2022

O concelleiro do PP de Pontevedra, Pablo Fernández, dixo que a modificación da dirección nas rúas Ribeira dos Peiraos e os Gafos é "outra medida sen lóxica e que ninguén logra entender"

Atasco en Corbaceiras
Atasco en Corbaceiras / PontevedraViva

O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra, Pablo Fernández, valorou os novos cambios de tráfico derivados do peche da avenida Reina Vitoria, días despois da súa posta en marcha. "Se a situación xa era mala, puidemos comprobar que o cambio de sentido das rúas Ribeira dos Peiraos e Ribeira dos Gafos é un erro que agrava aínda máis a pésima situación do tráfico en Pontevedra e, en particular, desta zona", mantivo o popular.

Fernández incidiu en que o Goberno local "segue encerrado nos seus despachos, sen pisar a rúa, o que provocou que pechen rúas e cambien o sentido doutras sen un razoamento lóxico". 

Os populares, que xa se comprometeron á reapertura da avenida de Raíña Vitoria e ao encargo dun estudo de tráfico "independente" para a cidade, insisten en que "esta medida o que está a causar é o colapso da rúa Manuel del Palacio. Non sabemos que pode ter en contra o alcalde en contra dos veciños desa rúa ou de Rosalía de Castro, xa que con estas improvisacións están a ter que soportar atascos constantes", detallou.

"A sensación de que estea Goberno ordena e desordena por impulso e sen sentido é unha realidade. Están a conseguir empeorar un problema que xa de seu era grave. Se os atascos xa eran arduos, agora son aínda peores", subliñou Fernández.