O grupo municipal do Partido Popular esixirá a consignación dunha partida específica no orzamento municipal do 2018 que permita levar a cabo a reforma integral de Mollabao. "Non nos conformamos con meros parches. As melloras no barrio anunciadas nos últimos días polo goberno de Lores non son o compromiso que acadaron cos veciños", destacou o portavoz popular, Jacobo Moreira, tras reunirse cos representantes da plataforma Mollabao Si.
A través dunha moción que presentarán en pleno, os populares esixen ao goberno local que impulse o proxecto que lle presentaron aos veciños o pasado mes de xullo, "non é suficiente con arranxar beirarrúas, ten que haber un compromiso firme para acometer a reforma integral do barrio", puntualizou o edil popular.
Os populares destacaron que os orzamentos municipais para o vindeiro ano non se contempla ningunha partida concreta para acometer as obras da reforma integral prometida.
"O abandono que sofre o barrio é unha realidade que non se supera con pequenos arranxos puntuais", manifestou Jacobo Moreira, quen volve a amosar o seu malestar ante "a ausencia de proxectos prioritarios para os pontevedreses nos orzamentos municipais para o 2018".