O PP esixe un convenio entre Concello e Deputación para axudar aos sectores máis golpeados pola pandemia

Pontevedra
13 de febreiro 2021

Rafa Domínguez, presidente do Partido Popular de Pontevedra, urxe ao Concello a necesidade dun convenio de colaboración coa Deputación ao quedar a Boa Vila fóra das axudas provinciais á hostalería, pemes e comercio local, entre outras. O portavoz popular declara que estes sectores "son os máis afectados pola pandemia e as consecuencias non poden pasar desapercibidas para a Deputación"

Rafa Domínguez, presidente local do PP de Pontevedra
Rafa Domínguez, presidente local do PP de Pontevedra / Mónica Patxot

Rafa Domínguez, presidente do Partido Popular de Pontevedra, urxe ao Concello a necesidade dun convenio de colaboración coa Deputación ao quedar a Boa Vila fóra das axudas provinciais á hostalería, pemes e comercio local, entre outras.

O portavoz popular declara que estes sectores "son os máis afectados pola pandemia e as consecuencias non poden pasar desapercibidas para a Deputación". Así, asegura que "é un agravio para a nosa cidade quedar fóra desta convocatoria" e ademais cre que "ambas as institucións deben emendar esta inxusta situación cun convenio de colaboración".

Tamén insiste en que é de vital importancia a colaboración entre Deputación e o Concello e que as axudas provinciais "chegan moi tarde". Ademais, "cremos que debe ser unha aposta decidida e compartida entre ambos, adecuada á capacidade económica de cada un dos organismos", engade Domínguez, que critica que "o único que fai falta é vontade política para poñer solución a este agravio cara a Pontevedra".

O representante do Partido Popular afirma que as axudas da Deputación de Pontevedra deixan fóra á "cidade de Pontevedra" e cualifícao de "incongruente e ilóxico" ademais de "un desprezo a todos os nosos veciños". Por iso, Domínguez pide unha solución "inmediata" a esta situación e "póñase fin a este desprezo cara á nosa cidade".