Rafa Domínguez, candidato do Partido Popular á alcaldía nos próximos comicios, mantiña un encontro nas últimas horas coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, para trasladarlle a necesidade de desatascar o proxecto de dragaxe do río Lérez.
Domínguez entende que esta medida comporta melloras económicas para o sector de persoas que traballan no mar e tamén para a actividade turística. O portavoz do PP local considera que a dragaxe vai repercutir positivamente nos bancos marisqueiros da ría de Pontevedra e tamén permitirá a mellora do calado dos barcos de recreo para que poidan acceder ao porto deportivo do Lérez.
Actualmente este proxecto de dragaxe, demandado desde diferentes axentes políticos, laborais e sociais, atópase atrancado porque a entidade competente, Portos de Galicia, entende que existe falta de consenso no sector do mar.
Esta entidade tiña previsto licitar a obra en 2018 pero diferentes entidades presentaron alegacións manifestando o seu desacordo con que o punto de vertedura dos lodos que se extraian na operación se realice na contorna da illa de Tambo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.