O PSOE denuncia a demora da dragaxe do Lérez e urxe medidas á Xunta e o Concello

Pontevedra
11 de marzo 2019

O voceiro socialista e candidato á Alcaldía, Tino Fernández, e os concelleiros Iván Puentes e Paloma Castro mantiveron unha reunión co presidente do Club Naval, Carlos Paz, e outros membros da directiva. No encontro, puideron coñecer os detalles da situación actual asociada á falta da dragaxe

Reunión entre o grupo municipal do PSOE e o Club Naval
Reunión entre o grupo municipal do PSOE e o Club Naval / PSOE de Pontevedra

O grupo municipal do PSOE de Pontevedra denuncia o atraso no proxecto de dragaxe do río Lérez, unha demanda histórica da cidade e do Club Naval para a que segue sen haber data de resolución, e urxe ao Concello de Pontevedra e á Xunta de Galicia un compromiso para a súa execución. 

O voceiro socialista e candidato á Alcaldía, Tino Fernández, e os concelleiros Iván Puentes e Paloma Castro mantiveron unha reunión co presidente do Club Naval, Carlos Paz, e outros membros da súa directiva. No encontro, puideron coñecer os detalles da situación actual asociada á falta da dragaxe. 

Segundo lles trasladou a directiva do Club Naval, a acumulación de lodos entre a desembocadura do río Lérez e a entrada da ría de Pontevedra converteuse nun enorme problema para o club, ata o punto de que, nestes intres, xa teñen un pantalán totalmente inutilizado pola falta de calado e outro atópase en parte ameazado, unha zona de difícil utilización. Un pantalán inutilizado supón menos amarres e unha perda de posibilidades, segundo denuncian desde o club. 

A directiva lembroulle aos socialistas que levan moito tempo agardando a que Portos de Galicia tome a decisión de iniciar a dragaxe da ría e agora a situación é xa "insostible". Á vista desta situación, Tino Fernández insiste en que "debe resolverse dun xeito perentorio".

Fernández urxe un compromiso a nivel municipal e autonómico para que se fixe unha data de inicio das obras e denuncia que o PP incumpriu todos os prazos e promesas. "Leva moitos anos de atraso", insiste.

Carlos Paz trasladou a Tino Fernández que o Club Naval paga un IBI de máis de 8.000 euros anuais e ambos coincidiron, segundo destaca o PSOE nun comunicado, en que se debería impulsar a sinatura dun convenio de colaboración co Concello ara aliviar esta elevada presión tributaria.

Así, o voceiro socialistas indica que o Concello emprega de xeito gratuíto amarres do Club Naval para Protección Civil e para os Bombeiros, polo que "semella preceptiva unha compensación pola vía dun convenio.  

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora