O PP local recolle 400 quilos de comida que doa a persoas sen recursos

Pontevedra
03 de xuño 2020

Os concelleiros populares participaron na recollida de alimentos na sede deste partido e eses alimentos foron trasladados ao Banco de Alimentos de Pontevedra para a súa repartición entre persoas que se atopen en situacións económicas complicadas

Concelleiros do PP entregan máis de 400 quilos de alimentos doados pola cidadanía ao Banco de Alimentos
Concelleiros do PP entregan máis de 400 quilos de alimentos doados pola cidadanía ao Banco de Alimentos / Partido Popular de Pontevedra

Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular, acompañado polos concelleiros Silvia Junco e Guille Juncal, trasladaba máis de 400 quilos de comida ao Banco de Alimentos de Pontevedra para que se repartan entre persoas sen recursos.

Durante os últimos días, os concelleiros populares levaron a cabo esta campaña solidaria recollendo a comida que a cidadanía quixo doar para esta causa. "Contamos cunha alta participación polo que estamos absolutamente agradecidos", sinalou Rafa Domínguez, indicando que se cumpriron todos os protocolos sanitarios establecidos polas autoridades para recoller estes alimentos. Os concelleiros populares participaron directamente nesta recolección de produtos.

Os populares recoñecen que moitas persoas se viron impactadas de maneira directa pola crise económica e sinalan que van traballar para tentar reverter esa situación. Rafa Domínguez afirma que "Pontevedra é unha cidade moi solidaria" e destacou o compromiso cidadán coas persoas máis vulnerables.