O grupo municipal do Partido Popular vén de reunirse con representantes da comisión de veciños recén formada no barrio de Monte Porreiro que demanda do concello un mellor mantemento de zonas verdes, maior limpeza, poñer en marcha a escola taller, a implantación dun posto fixo de Policía Local no barrio ou distintas melloras, entre outras cuestións.
A formación que encabeza Jacobo Moreira lamenta que "o BNG esqueza as necesidades do barrio" á hora de elaborar o avance do orzamento municipal para o vindeiro ano 2018.
Jacobo Moreira dixo que aos veciños de Monte Porreiro "se lles impón a instalación de composteiros comunitarios pero, pola contra, non se lles amplía o persoal de limpeza", e o goberno local "tampouco lles informa sobre as súas intencións para o barrio" dixo o portavoz dos populares sobre a implantación da compostaxe no barrio.
"Lores e o seu grupo deberían dar a cara ante os veciños", afirmou Moreira.