A manifestación de vehículos convocada polo PP de Poio na mañá deste domingo para manifestar o seu rexeitamento contra a subida de impostos aprobada no municipio logrou xuntar unha longa caravana de vehículos.
O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, agradeceu á veciñanza o seu apoio, que cualifica que "éxito rotundo" e asegura que "superou todas as expectativas", coa participación de máis de 200 coches.
Segundo sosteñen os organizadores, en varios puntos do percorrido, os vehículos en manifestación chegaron a formar unha caravana de máis de 4 quilómetros.
Moldes indicou que cando a cola da manifestación aínda estaba á altura da Praza da Granxa, en Campelo, a cabeza xa estaba na rotonda da Barca e cando a cabeza da manifestación estaba en Covelo, en Samieira, aínda había coches na Pinela, na parroquia de San Xoán.
O líder do PP ve, polo tanto, un "apoio masivo" que demostra a oposición frontal da veciñanza á subida de impostos xeneralizada que "pretende impoñer o Tripartito no peor momento", e en medio da "peor crise económica e social" que se recorda.
"Queda claro que os veciños de Poio están fartos de levar anos pagando algúns dos impostos máis caros de Galicia por peores servizos", sinala Moldes, que critica que agora a veciñanza "ten que soportar" unha subida de impostos como o aumento do 10% na 'viñeta' de coches e furgonetas ou o incremento do IBI a segundas vivendas e outros inmobles.
Segundo asegura, os veciños de Poio pagan a taxa de vaos máis alta da provincia ou a recollida de lixo máis cara de Galicia e as familias de Poio "son das máis prexudicadas pola inxustiza das plusvalías.