A comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra "é urxente e necesaria". Así o entende o portavoz do Partido Popular na Deputación, Jorge Cubela, que pediu este mércores ao goberno provincial que comece a negociar canto antes esta medida.
"Os tres incendios que ocorreron na parroquia de San Salvador no últimos catro días evidencian que a comarcalización do Parque de Bombeiros de Pontevedra é fundamental", defende Cubela, para quen "é inexplicable que habendo un parque de bombeiros nesta mesma parroquia, a menos de dous minutos de onde ocorreron os feitos, non acudan en caso de emerxencia".
O portavoz popular asegura que está en mans da Deputación ofrecer unha solución respecto diso, ao considerar que a competencia das emerxencias para os concellos de menos de 20.000 habitantes corresponde á institución provincial.
Cubela defende que a comarcalización sería tamén fundamental para outros municipios como A Lama, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Barro e Cerdedo Cotobade.
"Os concellos da comarca queren, a Xunta tamén, e mesmo os profesionais", asegura o representante popular, polo que "entendemos que o goberno da Deputación debe actuar xa".