O Partido Popular pediu a dimisión de Carmela Silva de todos os seus cargos "por responsabilidade política, por ética e por dignidade" renunciando así a súa acta como concelleira no Concello de Vigo e a presidencia da Deputación de Pontevedra.
O PP dá este paso logo de coñecerse a sentenza da Sala do Penal do Tribunal Supremo "pola trama para contratar de xeito irregular, e con fondos municipais, á súa cuñada". O voceiro do grupo provincial do PP, Jorge Cubela, subliñou que "son delitos moi graves polos que se condena ao funcionario. Prevaricación, malversación e falsidade documental por dar traballo á irmá do marido de Carmela Silva, que recibiu 108.000 euros por uns traballos que, ademais, non fixo".
A Xustiza condena a este funcionario a 5 anos e 3 meses de cárcere, ademais da inhabilitación durante 9 anos, e tamén ao administrador da empresa como cooperador necesario.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes, os deputados provinciais Jorge Cubela, Pepa Pardo e Alfonso Marnotes afirmaron que "non se entende que outros estean cargando sos co enchufe" e sinalaron que detrás do funcionario "xefe de servizo e afín ao Goberno socialista" condenado por esta sentenza "hai unha decisión política, interesada, en que se contrate de xeito irregular á cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra".
Cubela tamén criticou a falta de resposta por parte de Carmela Silva "o único que está facendo con respecto a esta situación é esconderse e dar a calada por resposta" e engadiu que, ademáis da presidenta provincial "escóndese o alcalde de Vigo, escóndese o PSOE, e mira cara outro lado o BNG provincial, socio de Goberno na Deputación de Pontevedra".
Os populares entenden que "estes feitos tan graves" poñen en cuestión a xestión de Carmela Silva tamén ao fronte da Deputación de Pontevedra.
Ademais, o voceiro popular preguntou "de que estaríamos falando si fose ao revés, si detrás de toda esta trama houbese políticos do PP? Levamos anos escoitando falar nesta casa de prácticas caciquís e resulta que unha das maiores condenas por corrupción da historia recente de Galicia é pola trama da contratación da cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra. E ante todo isto, ela cala e se esconde".
Por último, Cubela reiterou que desde que se coñeceu a sentencia da sala do penal do Tribunal Supremo, "Carmela Silva só rompeu o seu silencio estes días para burlarse da estatura do alcalde de Madrid".