O PP pide a Lores que lidere a saída de ENCE e Elnosa da Ría e o seu traslado a outro punto da comarca

Pontevedra
16 de novembro 2013

A proposta que levarán os 'populares' ao Pleno recolle o rexeitamento a calquera ampliación da concesión a Ence máis alá do ano 2018 e pide que a Corporación acorde impulsar unha solución concertada con todos os axentes implicados que leve á factoría fóra da ría antes desa data e que permita "o pechamento do ciclo produtivo do papel noutra localización dentro do termo municipal de Pontevedra ou na súa comarca"

Factoría de ENCE en Lourizán
Factoría de ENCE en Lourizán

O PP de Pontevedra pedirá o próximo luns 18 de novembro no Pleno da Corporación que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lidere a saída de Ence e Elnosa da Ría de Pontevedra. Farao a través dunha enmenda que pretende engadir á moción anunciada por BNG e PSdeG-PSOE contra "calquera posible prórroga á presenza" da pasteira e da cloreira en Lourizán.

O voceiro do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, sinalou este sábado nun comunicado que "quere que dunha vez por todas" o alcalde "abandone a súa tradicional posición unicamente reivindicativa" en relación coa fábrica de pasta de papel e se decida a liderar a saída da mesma da súa actual localización e o seu traslado a algún punto da comarca.

A proposta dos 'populares' recolle o rexeitamento a calquera ampliación da concesión a Ence máis alá do ano 2018 e pide que a Corporación acorde impulsar unha solución concertada con todos os axentes implicados que leve á factoría fóra da ría antes desa data e que permita "o pechamento do ciclo produtivo do papel noutra localización dentro do termo municipal de Pontevedra ou na súa comarca".

A enmenda á moción refírese tamén a Elnosa e sinala que "habería que colaborar para que, tras o seu desmantelamento no 2017, poida atopar un novo sitio nesa mesma área para seguir operando".

O alcalde sería o eixo da iniciativa. Deste xeito, o Pleno encargaríalle demandar das dúas empresas un plan industrial destinado a diminuír os efectos económicos e laborais do traslado, establecer conversas coas compañías para dar con esas localizacións próximas e respectuosas co medio, e delimitar no prazo dun ano eses terreos no Plan Xeral de Ordenación Municipal, ademais dun sitio para a depuradora dos Praceres.

Lores tería que incentivar novos proxectos empresariais que permitan pechar o ciclo produtivo do papel na comarca e presentar canto antes un plan de destino para a área de Lourizán que hoxe ocupan as instalacións fabrís, "que en calquera caso non poderá comprender o uso urbanístico especulativo como o que se lle deu á parcela de Tafisa".

Outras cuestións que recolle a iniciativa do PP son que se modifiquen as ordenanzas fiscais para garantir que a Ence e Elnosa se lles aplica a máxima carga impositiva permitida por lei e que o alcalde "mostre o seu apoio e reciba aos traballadores ante calquera posible anuncio das empresas de tramitar expedientes de regulación de emprego".

Arquivado en