O PP pide ao tripartito unha ordenanza para regular as terrazas da hostalería

Sanxenxo
22 de marzo 2017

Unha ordenanza que regule unha actividade tan importante para Sanxenxo como as terrazas da hostalería. É a nova petición que fai o Partido Popular ao goberno municipal. Será a través dunha moción que presentarán ao próximo pleno na que instarán o tripartito para que promova e elabore unha normativa para controlar esta actividade hostaleira

Locais de hostalería no porto deportivo de Sanxenxo
Locais de hostalería no porto deportivo de Sanxenxo / Mónica Patxot

Unha ordenanza que regule unha actividade tan importante para Sanxenxo como as terrazas da hostalería. É a nova petición que fai o Partido Popular ao goberno municipal.

Será a través dunha moción que presentarán ao próximo pleno na que instarán o tripartito para que promova e elabore unha normativa para controlar esta actividade hostaleira.

Os populares esperan que esta ordenanza se aprobe co consenso de todos os grupos políticos e, sobre todo, se conte con todo o sector turístico para a súa redacción.

O PP considera que se debe facer compatible o uso público e a utilización privada dos espazos públicos en beneficio da actividade turística, pero tamén do interese xeral e a protección da reputación de Sanxenxo como unha marca turística de calidade.

A ordenanza ten que definir o tipo de instalacións, como é o caso das terrazas con cerramentos estables ou provisionais, os horarios en función da tempada, a superficie máxima de ocupación, as características das instalacións, os criterios estéticos do mobiliario ou os procedementos que permitan axilizar a tramitación das autorizacións.

Desde o PP aseguran que este aspecto, ben regulado, servirá para potenciar a actividade, o prestixio e reputación de Sanxenxo como destino turístico.