O PP propón a construción dunha senda entre A Seca e Combarro

Poio
06 de setembro 2019

Ana Pastor, en nome do grupo parlamentario do PP no Congreso, presentou en xullo unha proposición non de lei instando ao goberno a realizar o segundo tramo desta senda, que continúa a construída entre Campelo e A Seca

O PP informou en Combarro da súa proposta de senda
O PP informou en Combarro da súa proposta de senda /

A deputada do Partido Popular e vicepresidenta do Congreso, Ana Pastor, o deputado Diego Gago e o presidente do PP de Poio, Ángel Moldes, visitaron este venres o concello de Poio para dar a coñecer os detalles da proposición non de lei para a construción dunha senda litoral entre a zona recreativa da Seca e o casco histórico de Combarro.

A iniciativa foi presentada por Ana Pastor o 19 de xullo na Cámara Baixa, según informaron nunha rolda de prensa celebrada na praza do peirao vello, lugar no que rematará a senda proposta.

Ana Pastor destacou que entre 2016 e 2017 o goberno do PP "deseñou, financiou e executou" a primeira fase desta senda entre Campelo e A Seca, cunha lonxitude de 1,5 quilómetros e un investimento de 400.000 euros.

Neste senso, Ángel Moldes destacou que Ana Pastor "é unha garantía" xa que ela foi a "impulsora" da senda e resaltou que a construción desta segunda fase suporía unha "gran oportunidade para todos os veciños" que contarán "cun itinerario sostible, seguro e saudable que mellorará a súa calidade de vida, o medioambiente e a actividade económica".

Pastor pediu que o resto dos grupos políticos apoien esta iniciativa que permitirá a "veciños, visitantes e peregrinos" percorrer máis de 5 quilómetros a pé bordeando o mar por itinerarios "seguros e saudables" e que será "moi beneficiosa para un sector tan importante como o turístico, a economía e o medioambiente de Poio e a calidade de vida da veciñanza".

Finalmente Ana Pastor asegurou que "os deputados do PP non estamos en funcións e seguimos traballando polos asuntos que realmente importan aos veciños".

Pola súa banda, Moldes engadiu que a senda impulsada polo PP é "un auténtico balcón á ría".