O PP propón a creación dunha unidade de control de gasto do Concello

Pontevedra
14 de outubro 2016

Os populares motivan esta solicitude no informe elaborado pola Secretaría Xeral do pleno, a petición do grupo popular, no que xa se alertaba no 2015 da conveniencia de facer publicidade e empregar a fórmula de procedemento aberto cando as contías dos contratos se aproximen ao límite establecido para a adxudicación directa

Rafael Domínguez, Jacobo Moreira e César Abal, do PP Mónica Patxot

O grupo municipal do Partido Popular presentará unha moción ao vindeiro pleno da corporación na que piden a creación dunha unidade centralizada de control de gasto, que permita un maior control sobre as adxudicacións directas do Concello.

Os populares motivan esta solicitude no informe elaborado pola Secretaría Xeral do pleno, a petición do grupo popular, no que xa se alertaba no 2015 da conveniencia de facer publicidade e empregar a fórmula de procedemento aberto cando as contías dos contratos se aproximen ao límite establecido para a adxudicación directa.

"O Concello de Pontevedra está a levar a cabo un uso abusivo de contratos directos, sen concurso público, e a maioría destes contratos saen directamente do gabinete de Alcaldía", insiste o edil popular, Rafael Domínguez, quen considera "unha cacicada" que os nacionalistas empreguen “os cartos de todos os pontevedreses para beneficiar aos achegados ao BNG".

O PP de Pontevedra asegura que o goberno do BNG "utiliza indiscriminadamente as adxudicacións a dedo".

"A través desta unidade centralizada de control de gasto, lograremos que Intervención poida ter coñecemento do pago de todas as facturas", destacan.